Sunday 05 de May de 2024

Wenceslao Fernández Flórez, figura homenaxeada nos XXXI Xogos Florais de María Pita


Baixo o lema ‘Natureza con alma’, a Real Orde de Cabaleiros de María Pita conmemora o 80 aniversario da publicación de ‘El bosque animado’

A gala da trixésimo primeira edición dos Xogos Florais terá lugar o vindeiro 22 de novembro no Teatro Colón

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá atrixésimo primeira edición dos Xogos Florais de María Pita, unha iniciativa promovida pola Real Orde de Cabaleiros de María Pita desde o ano 1992 e que conta co apoio do Concello da Coruña.

Rey, acompañada polo Mestre-Presidente da Real Orde, José Enrique Duarte, presentou as bases do certame literario deste ano. Wenceslao Fernández Flórez será a figura homenaxeada nesta nova edición con motivo do 80 aniversario da publicación da novela ‘El bosque animado’.

A alcaldesa presentou a semana pasada o libro ‘A bordo dun barco inmóbil’, un libro coeditado pola Fundación Wenceslao Fernández Florez e a Asociación da Prensa da Coruña que contou coa colaboración do Concello. “Hoxe ampliamos o recordo de quen foi un dos impulsores da concepción da Coruña como cidade ancorada no Atlántico dedicándolle estes XXXI Xogos Florais de María Pita”.

Baixo o lema ‘Natureza con alma’, esta nova edición dos Xogos Florais busca lembrar a figura do escritor a través da conexión coa natureza. Abrangue dúas categorías, sénior (para maiores de 18 anos) e xuvenil (para menores de 18 anos). “Deste xeito os mozos e mozas da Coruña poderán revivir a historia do noso articulista, dramaturgo e novelista máis especial”, recordou Inés Rey.

No certame poderán participar todas as persoas que o desexen, a excepción das que acadasen os premios gañadores na pasada edición. O prazo de entrega dos traballos, premiados con 2.000 euros na categoría sénior e con 1.000 na categoría xuvenil, finaliza o vindeiro 12 de novembro. As composicións poderán ser en castelán ou galego, non podendo concorrer ningún autor/a con máis dun traballo.

Gala de entrega de premios

O veredicto do xurado para dar a coñecer ás persoas gañadoras do certame poético terá lugar o vindeiro día 22 de novembro, ás 20.00 horas, no Teatro Colón. Contará coa poeta Yolanda Castaño como presentadora do encontro así como con Alicia Longueira, directora da Casa Museo Wenceslao Fernández Flórez. O encontro estará animado pola Tuna de Veteranos da Coruña que porá a nota musical á gala literaria.